Tuesday 30 de April de 2024

A I Feira de Oportunidade de Ordes cerra as súas portas con visos de ter continuidade


O alto número de asistentes e os bos resultados animan ao Concello a continuar co celebración de futuras edicións. Satisfación e felicitacións do público pola recente remodelación do espazo polivalente da praza de abastos

Pleno nivel de satisfación entre o público asistente, os comercianes participantes e o Concello de Ordes como organizador. Así se pode calificar o estado de ánimo de todos e todas os que fixeron posible a I Feira de Oportunidades do Concello de Ordes durante os tres últimos días. Tal é así que dende o Concello xa se anuncia a intención de continuar con este tipo de feiras e actos promocionais en vindeiras datas. De feito xa se está pensando en incrementar o número de postos dado o interés e os comentarios chegados por parte de moitos comerciantes e tendeiros. Para elo, unha vez máis ábrenselle as portas ás asociacións de comerciantes e sectores empresariais da zona para colaborar e traballar conxuntamente.
Un moi bo resultado que non só de debe a gran variedade de produtos postos á venda con prezos incomparables en cada un dos trece postos instalados, senón tamén polo lugar escollido para a súa celebración. O espazo polivalente situado no primeiro andar da praza de abastos, cuxa presentación oficial para a inmensa maioría da veciñanza e visitantes tras a súa recente remodelación foi esta I Feira de Oportunidades. Non só polos postos independentes con amplísimos escaparates dos que dispuxeron os participantes, senón tamén pola ubicación en pleno corazón de Ordes, un dos puntos máis transitados de todo o casco urbano. Deportes, moda, agasallos, artesanía, zapatería, bixutería, marroquinería, alimentación, electrodomésticos etc. Todo tivo cabida nesta cita que, polo que todo parece indicar, vai ter continuidade cunha segunda edición.
A alta aceptación e participación non foi só a nivel comercial senón tamén nas actividades organizadas. Este foi o caso dos obradoiros de chocolate desenvolvidos polo coñecido Pablo Pena, da panadería local Milagros. Practicamente se pode falar dun cheo absoluto nos grupos tanto de nenos e nenas como de adultos. Todos e todas aprenderon a realizar figuras co delicioso chocolate, así como os tradicionais ovos de Pascua.
“O éxito desta Feira danos ánimos ao meu equipo de goberno e a mín mesmo”, manifestou o alcalde Manuel Regos nunha das súas visitas á Feira. “Un pulo para continuar co investimento en infraestruturas deste tipo que poidan repercutir no crecemento e promoción económica do noso municipio, e tamén para seguir apostando por iniciativas e traballando en ideas similares a estas cuxo fin é xenerar riqueza e benestar para todos e todas”..